miércoles, 12 de diciembre de 2012

A rexeneración do sistema dunar do areal da Catía

12 de xullo de 2012

O acceso ao areal da Catía restrinxirase aos vehículos para protexer as dunas

O executivo ribeirense investirá 150.000 euros en instalar pasarelas de madeira e habilitar aparcadoiros alternativos

A praia da Catía posúe un cordón dunar relativamente ben conservado. Con todo, nos últimos anos este espazo natural sofre unha degradación significativa debido á utilización da zona como aparcadoiro e o número elevado de sendas e camiños que a cruzan. Co obxectivo de frear os danos no areal, o Concello de Ribeira anunciou que restrinxirá o acceso dos vehículos á zona e investirá máis de 150.000 euros nun proxecto de rexeneración ambiental. Instalaranse pasarelas de madeira e habilitaranse zonas alternativas para o estacionamento dos coches, fóra do ámbito de protección integral.
Tal e como apareceu publicado no Boletín Oficial da Provincia de onte, o concello ribeirense xa iniciou os trámites para conseguir as pertinentes autorizacións para adecuar a praia da Catía, situada na parroquia de Aguiño.
A actuación ten un período de execución de dous meses e materializarase en tres accións concretas. En primeiro lugar, instalarase unha pasarela na contorna do río Listres, desde a estrada xeral que une os núcleos de Aguiño e Castiñeiras ata a rúa das Pedras. Tamén se colocará unha pequena ponte e outras catro pasarelas nas inmediacións da rúa Andrés Torres Queiruga. Así mesmo, estúdase a posibilidade de delimitar a zona para un carril de bicicletas.
Para impedir que os vehículos estacionen nas dunas bloquearase o tráfico rodado nas inmediacións da rúa Andrés Torres Queiruga. A previsión é que na zona se instale, longitudinalmente, unha pasarela de madeira que impedirá o paso dos coches, pero facilitará o dos peóns.


Bolardos de pedra granítica
O punto de entrada ao areal desde a rúa Rabuda quedará restrinxido coa colocación de bolardos de pedra granítica. Para que veciños e visitantes poidan chegar cos seus turismos á praia habilitaranse prazas de aparcadoiro nesta vía, substituíndo o dobre carril pola circulación nun único sentido. Os coches poderán estacionar en diagonal e non en liña, como sucede na actualidade. Deste xeito conseguiríase habilitar máis espazo. Esta medida podería ser aplicada, así mesmo, en rúas adxacentes con ancho suficiente.
O executivo ribeirense tamén está facendo os trámites necesarios para pavimentar o tramo da rúa Andrés Torres Queiruga, que actualmente é de terra.
12 de decembro 2012

A rexeneración do sistema dunar do areal da Catía custará 136.000 euros


O proxecto de rexeneración do sistema dunar da praia aguiñense da Catía foi adxudicado polo Concello de Ribeira cun importe de 136.000 euros. Esta iniciativa busca o acondicionamento da contorna do areal colocando accesos para peóns. Ademais, eliminarase o espazo que actualmente existe para estacionar vehículos sobre o sistema dunar e habilitaranse outras zonas próximas para aparcar fose do ámbito de protección integral. A recuperación de espazos naturais degradados é outro dos traballos que levarán a cabo. Entre as accións previstas inclúese unha vella demanda veciñal: a pavimentación do tramo da rúa Andrés Torres Queiruga. Fuentes municipais explicaron que as dunas deste areal están relativamente ben conservadas pero que resulta necesario actuar para evitar que se degraden máis.

No hay comentarios:

Publicar un comentario